Traballando co deseño curricular base (DOSIER TEMA 5)
皆さん、こんにちは![1]
Nesta entrada
trataremos as tres primeiras semanas da materia Linguas estranxeiras no Contexto Nacional e Internacional, sesións impartidas polo docente
Gonzalo Constenla Bergueiro.
O motivo de que estas
tres semanas estena integradas nun dosier conxunto responde a unha cuestión
temática. Ao longo destas tres semanas, ás sesións na aula versaron sobre o
tema número 5: O deseño curricular base para as linguas estranxeiras. Aínda que
a primeira sesión si tivo o seu desenvolvemento sen integrarse activamente nas
demais, constituíu un tipo de introdución ao tema que considero imprescindible xuntar
co desenvolvemento máis práctico que levamos a cabo na segunda e terceira
sesión.
Nesta devandita
primeira sesión tratamos as bases teóricas do deseño curricular base. Ao
tratarse da segunda materia deste Mestrado que trataba os contidos de
currículo, competencias chave, grao de concreción curricular e derivados, xa
contabamos cunha base importante. Este repaso acerca dos elementos do currículo
foi especialmente útil, xa que permitiu comprender uns contidos xa coñecidos
dende outro punto de vista e favorecer o seu asentamento.
A maiores, tamén
tratamos aspectos novos ou, polo menos, descoñecidos para min. Un bo exemplo
sería a diferenciación entre as competencias que posúe o Goberno Autónomo en
contraposición ao Goberno Central. Aínda que si coñecía que as súas competencias
estaban ben diferenciadas e que as comunidades autónomas posuían un grao de
independencia, gustoume saber exactamente cales eran esas competencias concretas.
Outro contido de
interese que me gustaría comentar brevemente é o da tipoloxía da avaliación.
Esta non era a primeira materia na que tratabamos este concepto, pero si na que
se desglosou cun maior detemento todas as posibilidades de avaliación que
existen. Como antiga estudante de Educación Secundaria Obrigatoria e futura
docente, concédolle especial importancia a este apartado, especialmente porque
coñezo de primeira mano o papel e a actitude do alumnado de cara a avaliación
das materias. Esta avaliación é continua e sumativa, pero non se lle concede apenas
importancia á autoavaliación nin á coavaliación.
Reflexionei bastante
a este respecto na clase, xa que, como nós mesmos puidemos comprobar na
terceira sesión deste módulo, son dous tipos de avaliación moi interesante.
Permiten unha autorreflexión acerca do propio traballo, tanto individual como
en términos grupais, de modo que o propio alumnado pode ser consciente dos seus
puntos fortes e daqueles aspectos nos que debe centrarse en mellorar de cara ao
futuro. Ademais, considero que isto compleméntase á perfección cunha coavaliación
levada a cabo polo resto dos compañeiros. A posibilidade de que sexan outros
ollos aqueles que resalten todos os aspectos positivos dun traballo inflinxe
autoconfianza e aumenta á motivación dos estudantes. Ademais, tamén é de gran
axuda para propoñer melloras nas que, quizais, o propio alumno non pensara.
Considero que na
Educación Secundaria actual aínda se lle da demasiada importancia á avaliación
tradicional: unha proba (xeralmente de natureza escrita) na que o alumno debe,
de forma individual, demostrar que acadou os contidos necesarios para
promocionar. Aínda que este tipo de probas si sexan adecuadas e pertinentes en
moitos contextos, a miña proposta consiste en integrar outros tipos de avaliacións
de forma diaria nas aulas, comezando polas dúas xa mencionadas, xa que está
comprobada a súa utilidade e o seu éxito.
Con toda esta base
teórica integrada, a segunda sesión consistiu fundamentalmente en traballo
autónomo en pequenos grupos. O meu grupo, conformado por Francesca Díaz, Jonay
Rodríguez e min mesma, tratou unha das partes do bloque de Bacharelato,
concretamente os obxectivos e avaliación da materia de Lingua Estranxeira.
Para levar a cabo
este traballo por grupos, cada un dos integrantes adicámonos a un aspecto concreto
dos contidos. No meu caso, traballei co apartado “Os bloques de criterios de
avaliación da lingua estranxeira no Bacharelato e a súa relación cos obxectivos
da materia”.
Xa que na materia previa que cursamos no Mestrado só traballei co currículo da Educación Secundaria Obrigatoria, este traballo permitiume afondar nos aspectos curriculares do Bacharelato. Ademais, tamén aprendín a diferenciación entre os diferentes bloques dos criterios de avaliación, aspecto no que non reparara anteriormente. Se ben é certo que a busca deses contidos que debía tratar non foi complexa, si que me supuxo unha certa dificultade a síntese de todo o contido pola súa lonxitude. Para resolvelo, optei por traballar cun Power Point no que unicamente apareceran as palabras clave e deixar nun documento de Word aparte a explicación longa de cada un dos bloques de avaliación. Este documento foi unicamente para uso persoal á hora de practicar a presentación na casa antes de presentala ante toda a clase, pero adxúntoa como link nesta entrada, así como a nosa presentación de grupo.
Na terceira e última
sesión deste tema levamos a cabo a presentación de cada un dos nosos temas por
minigrupos. Xa o comentei anteriormente, pero resultoume especialmente
interesante a autoavaliación e coavaliación que se levou a cabo con cada un dos
grupos. Grazas ás rúbricas, todas as avaliacións estiveron ben fundamentadas e
permitiron a todos os grupos analizar o seu propio traballo e o dos seus
compañeiros, buscando sempre a crítica construtiva e a posibilidade de mellorar.
A maiores, nesta
terceira sesión tamén foron presentadas as diapositivas sobre o deseño curricular
nas Escolas Oficiais de Idiomas que levamos a cabo de forma individual. Interesoume
especialmente esta parte da clase, xa que, como graduada en estudos xaponeses,
contemplo a posibilidade de impartir clase desta lingua nun futuro nunha Escola
Oficial de Idiomas. Ata o momento, as materias do Mestrado non se centraron
demasiado nas ensinanzas na Escola Oficial de Idiomas, polo que foi unha
novidade de gran proveito.
Cada un dos
compañeiros elaborou a súa diapositiva sobre un aspecto concreto do currículo
nas EOI. Deixo a continuación a miña diapositiva, centrada nos principios
xerais da avaliación e a certificación.
Con isto, rematamos os contidos abordados no primeiro tema da materia, así como os traballos levados a cabo, tanto de forma individual como en grupo. Na posterior entrada de Diario reflexionarei máis en profundidade acerca dalgún dos aspectos teóricos tratados nas sesións, tentando sempre relacionalo ou investigar tamén na vertente xaponesa, temática sobre a que o blog intenta basearse.


Comentarios
Publicar un comentario